O Padre Feijoo. Cidadán libre da República literaria

En conmemoración dos 250 anos da morte de Benito Jerónimo Feijoo Montenegro, máis coñecido como Padre Feijoo (26 de setembro de 1764), o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ofrece esta exposición durante o último trimestre do ano 2014, coincidindo con ese aniversario.
A mostra considera a idea de renovar o interese sobre un dos personaxes claves do século XVIII e particularmente da Ilustración española. A través do discurso expositivo preténdese afondar na súa biografía, produción bibliográfica, homenaxes e diferentes aspectos vinculados á súa rexión de nacemento e formación.
É de resaltar que a súa figura supera os límites provinciais, tal é así que é considerado o fundador do ensaio filosófico en lingua castelá e autor principal dentro do movemento ilustrado. As súas obras, xa en vida, conseguiron unha extraordinaria difusión para a súa época con múltiples impresións, mentres era traducido a outros idiomas. Actualmente os seus escritos seguen sendo estudados dende moi diferentes aspectos, evidenciando a importante contribución de Feijooá cultura e avance do seu tempo.
Esta exposición conta cunha programación paralela de actividades didácticas para escolares, organizadas por nivel educativo. Nun principio, a exposición tiña previsto finalizar o 30 de novembro de 2014. Non obstante, tras o éxito desta, este calendario foi ampliado e estará aberto ao público ata o 18 de xaneiro de 2015.
Localización Escaleiras de Santa María Nai, Nº 1 (Praza Maior). C.P 32005, Ourense
Data 13/10/2014 - 18/01/2015
Horario 11.00 - 13.30 h / 18.30 - 21.30 h
Teléfono 988 223 884
Email mapour@xunta.es