Calendario do Libro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fíxolle hoxe entrega á Federación de Librarías de Galicia do Calendario do Libro e da Lectura de Galicia do 2015, nun acto celebrado co gallo do Día das Librarías. O cartel do ano próximo recolle as principais efemérides e datas máis significativas vinculadas ao libro e á lectura, dúas delas incorporadas recentemente: o Día das Usuarias e Usuarios das Bibliotecas (11 de xaneiro) e o Día da Ilustración (30 de xaneiro). A encargada de recibilo foi a presidenta da federación, Pilar Rodríguez, que estivo acompañada por varios membros da entidade.
O Calendario do Libro e da Lectura de Galicia, elaborado anualmente para lle dar cumprimento ao estipulado na Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e a lectura de Galicia, ten como obxectivo promover na sociedade a celebración de actividades arredor das principais efemérides e datas conmemorativas vinculadas ao libro e á lectura; facilitando a planificación de actuacións que promovan o interese polos libros e as nosas letras.
Ao acto, ademais do conselleiro, asistiu tamén o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e a xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.
Accede a todas as datas e xornadas no seguinte pdf: Calendario_do_libro