Cuarto minguante

Bautista Álvarez reconstrúe nesta súa novela alboral os vieiros da emigración galega da segunda metade do século XX, unha epopea colectiva merecente de ser rescatada do esquecemento

Ismael, o coxiño, o fillo da Rosaura da casa dos Boullosas, pasou aos catorce anos da escola de Andrade á de Santomé, onde aprendeu o manexo da tesoira e da agulla, habilidades propias do oficio de xastre. O enterro do seu avó, a quen lle preparou o primeiro traxe, foi o escaparate que lle permitiu comezar a contar con clientes na súa parroquia e despois tamén nas aldeas limítrofes. A cousa non empezaba mal. Porén, a división da herdanza familiar, obrigouno a coller outro camiño. O 5 de agosto de 1955, saíu do porto de Vigo a bordo do transatlántico Santa María rumbo ao porto da Guaira de Caracas. Iniciaba así Ismael o seu percorrido emigrante que o levaría despois a Brasil e Arxentina e, máis tarde, de regreso á outra beira do Atlántico, a aquela primeira Suíza dos galegos. Nunha prosa gozosa e vibrante, labrada cunha lingua de inequívoca estirpe popular, e cunha presenza constante dun humor sutilmente retranqueiro, Bautista Álvarez reconstrúe nesta súa novela alboral os vieiros da emigración galega da segunda metade do século XX, unha epopea colectiva merecente de ser rescatada do esquecemento.

Bautista Álvarez (Loucía-Ourense, 1933) subordinou a súa inicial vocación literaria á actividade política. Formou parte do grupo Brais Pinto, que deixou pegada na moderna historia de Galicia. Foi un dos fundadores da UPG, que presidiu durante máis de trinta anos, e deputado do Parlamento Galego durante cinco lexislaturas. A produción escrita de Bautista Álvarez está en galego, aínda que tamén haxa colaboracións en castelán, solicitadas por publicacións españolas: Signo, Cuadernos para el diálogo ou Primer acto (nesta publicou un pequeno ensaio sobre Os vellos non deben de namorarse de Castelao). En 2013 publicou en Xerais o libro de relatos Retallos daquela infancia. A novela Cuarto minguante (Xerais, 2015) é a súa segunda obra de ficción.

Vota:
Valoración 5 Votos 15
Outras recomendacións
click me
  • Dos días escuros
    Dos días escuros
    link
  • XXIV Premios Irmandade do Libro
    XXIV Premios Irmandade do Libro
    link
  • Obras finalistas dos Premios da III Gala do Libro Galego 2018
    Obras finalistas dos Premios da III Gala do Libro Galego 2018
    link
  • I Programa de apoio a Transformación Dixital
    I Programa de apoio a Transformación Dixital
    link
  • Calendario Feiras do libro 2017
    Calendario Feiras do libro 2017
    link
  • Oso, mamá, si?
    Oso, mamá, si?
    link