I Gala do libro Galego

I Gala do Libro Galego 14 de maio de 2016 Organizada pola Federación de Librarías de Galicia, AELG e Asociación Galega de Editores. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográfic...
14 de maio de 2016
Organizada pola Federación de Librarías de Galicia, AELG e Asociación Galega de Editores. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de 2016 todos estes galardóns desapareceron para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido foi Gala do Libro Galego., cuxa primeira edición tivo lugar o 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Estes galardóns naceron co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia

Na Gala entregáronse as distincións nas seguintes categorías:

  1. Obra de ensaio
  2. Obra de narrativa
  3. Obra infantil e xuvenil
  4. Libro ilustrado
  5. Iniciativa bibliográfica
  6. Obra traducida
  7. Libro de poesía
  8. Libro de teatro
  9. Iniciativa cultural ou fomento da lectura
  10. Proxecto literario na rede
  11. Xornalismo cultural
  12. Escritor galego universal
  13. Premio honorífico á libraría
  14. Premio honorífico á editora

As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo que se encargou de fallar estes galardóns sen dotación económica. Nomeado de común acordo polos consellos directivos da AELG, AGE e Federación de Librarías, estivo formado por Pilar Sampedro, Gracia Santorum, Irene Penas, Ramón Nicolás, Ana M. Guerra, Pilar Rodríguez e Mercedes Queixas.

O premio ao Escritor Galego Universal foi concedido pola asemblea xeral da AELG, que decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer, o Honorífico á libraría foi concedido pola directiva da Federación de Librarías de Galicia á Libraría Pedreira e o Honorífico á editora correspondeu á directiva da AGE, quen distinguiu os 25 anos de labor editorial de Laiovento.

A Gala contou coa presentación de Camilo Franco e coa actuación de Áureas, un proxecto de música e teatro no que as intérpretes son músicas e actrices interpretando personaxes de ficción. Este conxunto internacional realiza un concerto-espectáculo no que vemos unha charanga de mulleres ambientada nos anos 20.

Esta foi a intervención de Cesáreo Sánchez en representación das presidencias das entidades convocantes:

 

Amigas e amigos, autoridades das institucións políticas, sociais e culturais do noso País.

A Gala do Libro Galego faise realidade hoxe como día de celebración do libro, da cultura e das letras galegas no marco de colaboración entre a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.

No noso texto fundacional diciamos, e dicimos hoxe que:

«Para os Escritores, Editores e Libreiros é un día de celebración e un día de reivindicación dun sector estratéxico deste país. Así está recoñecido na lei de decembro de 2006 do libro e a lectura de Galicia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. Nesta lei, o libro é recoñecido na súa dimensión de ben cultural, económico e social, e debe desenvolver o carácter estratéxico das letras galegas, entre outras achegas, polo seu papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. Isto está na lei, mais non aínda na realidade. É esta realidade a que queremos axudar a mudar.

Escritores, Editores e Libreiros creamos unha mesa estábel de traballo para a posta en común de propostas, coa intención de facer actividades de defensa do libro galego e das letras galegas no seu conxunto. 

Precisamos o desenvolvemento dunha industria editorial forte que reflicta a biodiversidade do sistema literario galego, duns escritores que sexan recoñecidos socialmente no seu papel de creadores dunha obra onde a ética convive e habita a beleza da cultura galega. Precisamos un plan de apoio á rede de librarías por todo o país que dea visibilidade ao libro galego e sexa lugar privilexiado para a creación de lectores. Sen esquecermos todos os mediadores que conflúen no ciclo de vida do libro e as letras galegas: bibliotecas, e centros de ensino, animadores e centros socioculturais, entre outros.

Para poder conseguir estes fins precisamos da recuperación da Consellaría de Cultura co necesario peso político e orzamentario; cunha Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas e da implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico para o libro galego, cun programa de potenciación do comercio exterior para o libro.

Precisamos da creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega na Galiza e no exterior; da existencia de plans anuais de lectura.

É inaprazábel converter a defensa das librarías nun asunto de Estado para poder defender o libro como produto de excepcionalidade cultural.

Precisamos dunha maior dotación orzamentaria para o desenvolvemento dun sistema de adquisición de novidades editoriais galegas, coa creación dunha liña específica de axudas para a edición de grandes proxectos editoriais e obras de interese galego.»

Agardamos que os medios de comunicación de titularidade pública estean implicados en dar visibilidade á cultura galega e ao libro en galego, en concreto en horarios de máxima audiencia.

Sumar esforzos significa dar visibilidade a un dos sectores culturais, sociais e económicos máis importantes e dinámicos da Galiza. Os escritores e escritoras damos os contidos culturais ás diversas industrias do noso país, mais somos tamén moito máis: procuramos a inculturación de todo traballo humano sobre esta terra, facemos dela un ser vivo cunha identidade colectiva propia, imborrábel. Da mao das nosas editoriais e mais do tecido das librerías levamos a todo o corpo social o libro, a sabia nutricia da nosa cultura. É a nosa responsabilidade a de crear lectores e lectoras con capacidade crítica.

Cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe celebramos por vez primeira?

A de engadir a necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo de sobredimensionamento de certa cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo.

Este año 2016 toda Galiza está a celebrar a un poeta, Manuel María, mais sobre todo está a celebrar o galego que tivo sempre como norte esta Terra e as mulleres e homes desta Terra. Soñando sempre unha lingua, orgullosa de seu na voz das nenas e dos nenos.

Este ano celébrase tamén o centenario das Irmandades da Fala, as que colocaron Galiza como centro de decisión e suxeito do propio devir, e á cultura galega como alma dinamizadora

do seu ser social. Eles foron visionarios ao lle dar un valor fulcral ao seu labor editorial como forma de vertebrar unha cultura. Eles foron escritores, e foron editores de libros e prensa. Lendo os textos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala sobre os problemas da cultura do seu tempo, resultan dolorosamente actuais, mais alentadores eles no ánimo que demostraron nesta angueira que era a súa e é a nosa. Grazas a elas e eles estamos hoxe aquí. Somos o camiño que ven do pensamento, da palabra, das arelas das xentes das Irmandades e queremos ser legatarios desta herdanza.

O libro é un lugar para a memoria que transgride o tempo; un espello, un Mestre co que crear e recrear o mundo que fomos capaces de fundar.

O libro toma unha nova dimensión, neste tempo dunha perversa sobreinformación que sepulta a capacidade de comprensión e que leva a banalizar as causas dos problemas que traen a dor ao ser humano, e que banaliza entre elas a emigración nas súas máis sutís formas, que arrinca aa xente da súa terra coma árbores, en palabras de Juan Gelman, e anulan a capacidade dos pobos para determinar o seu futuro.

Somos unha das máis antigas culturas da Europa e querémola na altura ética e solidaria que a soñaron Rosalía, Pasolini, Víctor Casas e Virginia Wolf, Maruxa Mallo e Pere Gimferrer; somos un dos pobos que a axudaron a construír cando viñeron a se ollar no espello do serán de Compostela porque previamente tiñamos construído unha inmensa tradición.

Parafraseando o noso Escritor Galego Universal: «A Lingua determina en parte o que un escrebe mais é a tradición literaria de cada lingua a que ven ter un peso enorme.» Afortunados os que temos unha tradición coma a nosa. É esa tradición a que nos dá, en palabras de Otero Pedraio, a «Conciencia que vive na zona íntima intraducible e libre do pobo galego.»; a que nos dotou e dota da conciencia de sermos e crear, aquilo que nos dá a capacidade de dialogar con outras culturas enriquecéndonos sen sermos asimilados, como dicía Don Ramón Otero Pedrayo no seu Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega.

Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos; sobre todo posibilita o coñecemento do ser colectivo que somos, é dicir: existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen editores, libreiros e escritores que fixeron e fan nacer a palabra nova. Cos nosos libros arrincarémoslle á dura pedra da realidade algunha faísca de verdade.

Artesáns da palabra, ourives do idioma, comprometémonos coa tarefa de convertelo nunha lingua de ouro ‑como acuñara Pondal. Compartimos con Pere Gimferrer a tarefa de conquistar para a nosa lingua e a nosa literatura territorios aínda non explorados, como así ten feito o noso poeta coa lingua e a literatura catalá.

Editores coma Ánxel Casal ou Álvarez Blázquez que ao publicar crearon e recrearon mundos.

Libreiros coma Antón Patiño Regueira, ou Manuel María e Saleta, que nos axudaron a atravesar tantas e tan longuísimas noites de pedra, creando lugares de comunicación entre o texto escrito e editado co lector. Eles e elas fundaron librarías como ágora de civilidade ou íntima praza pública.

E antes de lles dar paso ás e aos protagonistas esta noite, permitídeme unha lembranza fraterna para os que partiron e fican humildes na súa obra:

O escritor Xosé Fernández Ferreiro, que hoxe é esparexido orballo na Horta da súa casa natal en Nogueira de Ramuín.

O escritor e teólogo Chao Rego, que pensou para nós esta Terra como lugar da solidaria irmandade, como o sempre paraíso.

Na súa Gres natal Xosé Neira Vilas xace xa en matrimonio eterno con Anisia Miranda a escoitar soñador o merlo, o paporroibo, nalgún marmeleiro en flor.

No mar de Vigo, María do Carme Kruckenberg vogando de alma elegante seguirá a tecer, un tempo novo para a tenrura.

O xornalista e escritor Ramón Lugrís Freire, que seguirá a percorrer, dende o seu Ferrol natal a Europa, para nos dar noticia de todo lugar onde os dereitos deixaron de ser humanos.

En Moaña, o Libreiro Benxamín Riobó, para sempre na súa inacabada xuventude partiu a camiñar os areais do alén onde sempre hai unha libraría onde se acoller e nos acariñar a alma.

Entre todos e todas alimentaron o que somos e o que soñamos ser. Sede benvidas e benvidos a este acto de amor ao libro Galego, ás librarías, a este acto de reivindicación da escrita en lingua galega como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación do ser colectivo que somos e do que nos orgullamos e que se chama Galiza.

 

Compostela, 14 de maio de 2016

 

Estas foron as obras gañadoras dos Premios da Gala do Libro Galego 2016:

 

Ensaio

Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario

O xurado estima a obra como unha ferramenta necesaria para as aulas co obxectivo de tratar este xénero considerado secundario na didáctica escolar. Valórase tamén este libro pola súa centralidade no tema proposto así como polas posibilidades prácticas que ofrece para a intervención creativa nas aulas.

 

Tradución

Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin

O xurado valora nesta tradución o importante labor de documentación que enriquece a lectura e axuda a acceder en profundidade ao orixinal cunha lectura fluída.

 

Proxecto literario na rede

Poétic@, de Fran Alonso

Valórase a innovación desta proposta, que eleva á rede un proxecto literario poético único á procura da permanente construción renovadora.

 

Literatura infantil e xuvenil

O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia

Estimouse a conxunción dunha construción narrativa con trazos surrealistas que axudan a desenvolver un mundo onírico no público lector

 

Iniciativa bibliográfica

Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais

O xurado valora o excepcional traballo de conciliación da literatura oral coa escrita, harmoniosamente acompañado polo labor de ilustración. Recoñécese tamén o valor da obra finalistas, polo esforzo de autoedición, pola súa calidade estética e pola atención a un campo considerado menor dende a aposta pola tradición actualizada.

 

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

Espazo Lectura

Valórase o fomento da lectura a pé de rúa, no día a día e para todas as idades, e cunha progresión na intensidade de traballo notábel en diversos ámbitos do proxecto.

 

Libro ilustrado

Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka

Polo seu lirismo e a coherencia gráfico-textual coa elegacia da ilustración

 

Teatro

Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais

Sobrancéase o dominio dunha escrita coidada e dirixida ao público infantil dentro do xénero dramatúrxico.

 

Xornalismo Cultural

Sermos Galiza

Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na atención preferente a trasladar á sociedade a diversidade das producións do seu sistema literario.

 

Narrativa

O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais

Pola súa complexa arquitectura, esixente, que recoñece o labor de libreiras e libreiros a través dun percorrido emocionante.

 

Poesía

oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais

Destácase a unidade do poemario, vinculado á construción dun relato que une a tenrura ás condicións máis escuras do ser humano, transitando por un campo emocional moi diverso.

 

Máis información: http://www.aelg.gal/actividades/gala-do-libro-galego/2016/5/14/i-gala-do-libro-galego

Vota:
Outras recomendacións
click me
  • “Milena ou o fémur máis belo do mundo” de Jorge Zepeda
    “Milena ou o fémur máis belo do mundo” de Jorge Zepeda
    link
  • Antípodas
    Antípodas
    link
  • La salud como negocio
    La salud como negocio
    link
  • “Nós lemos, e ti?”
    “Nós lemos, e ti?”
    link
  • Medo político e control social na retagarda franquista
    Medo político e control social na retagarda franquista
    link
  • “Como a sombra que se va” de Muñoz Molina
    “Como a sombra que se va” de Muñoz Molina
    link