KALANDRAKA cumpriu 25 anos este 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, co desexo de seguir engaiolando as nenas e os nenos cos seus Libros para soñar. Ao longo da súa traxectoria, o catálogo do selo pontevedrés -que publica en sete linguas- supera os 700 títulos.
Foi a partir de recibir o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural 2012, por primeira vez a unha editora especializada en literatura infantil e xuvenil, cando KALANDRAKA deu un salto cualitativo ao ampliar o seu fondo con novas coleccións para público adulto: narrativa, ensaio, literatura de natureza, poesía, teatro, pedagoxía… Esta expansión atende, precisamente, á vontade de seguir acompañando no seu tránsito vital as lectoras e os lectores de antano, mais coas necesidades e cos intereses que teñen no presente.
KALANDRAKA segue publicando libros de calidade para a infancia, que emocionan, divirten e aspiran a perdurar no tempo. Destacan as obras distinguidas nas últimas edicións dos certames de creación nos que colabora a editorial dende hai 15 anos: o Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados que recibiu “Esperando o amencer”, de Fabiola Anchorena, e o Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos outorgado a Fabiana Margolis por “Fleco de nube”, con ilustracións de Concha Pasamar.
Outro piar esencial na identidade de KALANDRAKA durante este cuarto de século é a animación á lectura en centros escolares, librarías e bibliotecas; unha achega da editora para gozar da lectura na nosa lingua.