As obras Ninguén contará a verdade, Furia e A botella de lentellas resultaron gañadoras do XL Premio Xerais de Novela, o XV Premio Xulio Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil, de Edicións Xerais.
Segundo informa a editorial, unha vez abertas as plicas, o autor e autoras dos textos escollidos polos xurados son Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo Vázquez, respectivamente.
No caso do premio de novela, presentáronse 36 orixinais e da obra gañadora o xurado destacou que se trata dun texto de "absoluta actualidade sobre a corrupción política", á vez que subliña o traballo de investigación.
De Furia, indica que "non é só a historia dunha adolescente buscando o seu lugar no mundo, senón tamén un relato coral de tres mulleres de diferentes idades e condicións sociais".
Da obra gañadora no premio de literatura infantil, destaca a súa orixinalidade e o "estilo preciso, con notábel dominio do léxico", así como o relato relacionado co neno protagonista.