As cantareiras e a poesía popular oral protagonizarán o Día das Letras Galegas 2025

Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. A través delas, Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, a Real Academia Galega renderalles homenaxe no Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral. Así o acordou a institución na sesión plenaria ordinaria celebrada este mediodía no pazo de María Pita, na que se referendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. O vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música.

"A lingua galega continuou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En particular as  mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras”, salienta a proposta aprobada. Nela enlázase a celebración vindeira coa deste ano a través dun verso de Luísa Villalta que sintetiza ese herdo transmitido dunha xeración á outra: “As coplas aprendidas na saia da avoa”.

Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebraba con música e baile. Pero cando a finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato. 

Nas últimas décadas do século XX, o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do noso folclore, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009), Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, lugar da parroquia de Cerceda. Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun grupo folk. Antes, dende os primeiros 70, actuarían en palcos folclóricos as Pandeireteiras de Mens. A historia destas cinco mulleres foi recuperada na presente década nun libro de Beatriz Busto Miramontes editado pola Central Folque, selo que editou tamén outro volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás.

Estas e moitas outras iniciativas de persoas que foron recollendo individualmente os cancioneiros populares por todo o país contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva deostada durante séculos e ameazada polo proceso de urbanización do país. Así e todo, fronte ao que aconteceu noutros territorios, o cancioneiro popular conseguiu chegar cheo de vida ao século XXI, e deixou unha fonda pegada na alta cultura, empezando polos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A RAG fai agora xustiza con este legado e as súas autoras dedicándolles a gran festa da cultura galega no que será o segundo 17 de maio colectivo, vinte e sete anos despois das Letras Galegas de 1998, centradas nos trobadores da ría de Vigo Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax.

Rosa e Adolfina Casás Rama
Dorothé Schubarth chegou á Vila da Igrexa en marzo de 1980 para gravar e documentar o canto de Rosa (1912-2009) e Adolfina Casás Rama (1913-2005), as primeiras das seis mulleres protagonistas das Letras Galegas 2025 en viren ao mundo. A musicóloga ficou abraiada pola variedade das melodías que achegaron e a orixinalidade das súas coplas, algunhas delas únicas no repertorio galego. Eran ademais boas improvisadoras, malia non ser a regueifa unha práctica común na comarca de Ordes. 

Adolfina e Rosa eran tía e sobriña, pero criáronse practicamente como irmás. As dúas eran fillas de solteira e dende ben cativas tiveron que gañar o pan en condicións moi duras. Coñecidas na contorna pola súa arte como cantareiras e tocadoras, eran convidadas decote aos traballos comunais e a súa presenza constituía unha atracción destacada nas foliadas da zona de Cerceda. A chegada da radio, nos anos 50, e dos grupos de gaiteiros, os acordeonistas da Coruña ou as orquestras promoveron a popularización doutros estilos musicais e mudaron os costumes. As cantareiras ficaron daquela silenciadas durante un longo tempo. Rosa emigrou a Inglaterra nos 60 e Adolfina quedou na Vila da Igrexa, ata que nos anos 80 volveron xuntarse e recobraron o seu xeito de tocar, arredor das celebracións familiares.

A súa historia aparece recollida no libro Fuliada na vila (A Central Folque, 2020), escrito polo seu neto e sobriño neto Richi Casás, quen centrou o seu traballo de fin de carreira no Conservatorio Superior da Coruña na relación entre o jazz e a música tradicional. O título do volume dá tamén nome ao proxecto musical no que, a través da lente do jazz, se achega á música popular que preservaron Rosa e Adolfina.

Eva Castiñeira
Eva Castiñeira (1926-2010), veciña do lugar de Agranzón, en Muxía, aos oito anos de idade xa cantaba nos bailes e romarías con outras dúas pandeireteiras veciñas da bisbarra e coa súa irmá Engracia. Coma moitas mulleres do seu tempo, emigrou á Coruña para traballar no servizo doméstico e asentouse no barrio de San Pedro de Visma. A principios da década dos 80 traballaba como asistenta na casa dun dos socios da discográfica Ruada, que se decatou do seu talento musical e lle falou dela a Rodrigo Romaní. Pouco despois, en 1981 e convidada por Milladoiro, Eva convertíase, canda a súa sobriña, na primeira pandeireteira en subir a un escenario cun grupo folk, nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña.

Ese mesmo ano a voz de Eva Castiñeira quedou rexistrada, canda as interpretacións de Florencio López Fernández, o cego dos Vilares, no álbum Recolleita, coordinado por Pablo Quintana. As melodías da cantareira tamén se integraron no álbum Galicia no país das maravillas (1986), gravado no estudio dublinés Windmill Lane e no que tamén participaron tres novas tocadoras, Elisa Segade, Cristina García e Pilocha Rivas. Comezaba así un novo ronsel que se proxecta ata as Tanxugueiras, pasando por Leilía, grupo que lle dedicou á memoria de Eva Castiñeira o seu disco Consentimento (2012), dende a consciencia de que, coma tantas mulleres creadoras e artistas, non obtivera en vida o recoñecemento merecido.

Outras músicas que lle debemos a Eva Castiñeira son o “Valse de Agranzón”, que ten interpretado Xabier Díaz; “Ao pasar pola Coruña”, incluído por Luar na Lubre no disco Mar maior (2012), e cantada tamén por Pinto de Herbón nos tempos do rock bravú e en concerto con Manu Chao; ou a chamada “Jota de Eva” que Leilía incluíu, cantada por ela mesma, no devandito disco de homenaxe.

As Pandeireteiras de Mens
As Pandeireteiras de Mens foron cinco labregas da parroquia malpicá que lles deu nome: Prudencia Garrido Ameijende (1905-1993) e a súa irmá Asunción Garrido Ameijende (1915-2007), do lugar de Asalo; e Manuela Lema Villar (1913-1993), Adela Rey Torrado (1920-2016) e Teresa Lema Varela (1924-2019), do lugar de Mens. Adela e Teresa faleceron hai menos de dez anos, o que impide que poidan ser formalmente homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025. 

Cando algunha xa superaba os 80 anos, as Pandeireteiras de Mens viaxaron por Europa e América coa súa música acompañando, a partir de 1972, a Agrupación Folclórica Aturuxo, tras contactar con elas o seu director artístico, Manuel Cajaraville Pensado. A historia das tamén chamadas “Vellas de Mens” foi rescatada nunha completa obra de Beatriz Busto Miramontes levada ao prelo en 2021. Nestas páxinas a musicóloga e antropóloga social refírese a elas como a cabeza visible a audible do rexurdimento moderno da música bailable de tradición oral en Galicia; e conta como as cinco veciñas de Malpica aproveitaron as oportunidades que o folclore que outrora enchía de coplas e baile as rogas agora lles presentaba para viaxaren e viviren experiencias que se supuñan pouco adecuadas para a súa idade e orixe. Elas, pola súa parte, fixeron patente que, ademais dos gaiteiros, cumpría ter en conta as mulleres e o patrimonio oral que representaban.

Evolución e cambio
A candidatura apoiada pola maioría do pleno da RAG refírese ademais ás novas xeracións de intérpretes e creadores actuais que demostran que na propia esencia da poesía popular oral está evolucionar e cambiar. Desde os que recolleron cantigas directamente nas aldeas, como Fuxan os Ventos nos anos 70 e despois Milladoiro, ata Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz ou, xa parte de xeracións máis novas, Faia Díaz, Sés, Baiuca, Mondra, Caamaño&Ameixeiras,  Fillas de Casandra ou as Tanxugueiras.

Letras Galegas 2025