María Jesús Pato Díaz (Chus Pato) foi galardoada co Premio Nacional de Poesía, correspondente ao ano 2024, pola súa obra ‘Sonora’ (Xerais) a proposta do xurado reunido hoxe. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura, está dotado con 30.000 euros.
O xurado destacou ‘Sonora’ por “ser unha obra experimental, unha expansiva e concentrada conversación entre o poema e a morte, aquela que, tras a orfandade da nai, arrastra aos lectores cara aos abismos da propia liñaxe. Auténtico fulcro da poesía galega, Chus Pato explora novas formas de deconstruir e reconstruír os marcos do pensamento poético tradicional”.
Así mesmo, o xurado sinalou que o poemario “crea espazos textuais repletos de fugas: retóricas, semánticas, capaces de hibridar distintos códigos nos que se desprega toda o sua inextinguible potencia sonora. En Sonora, memoria persoal, social e política rumorean as múltiples voces dunha das máis audaces poetas contemporáneas. Na súa obra, Chus Pato móstranos o enfoque da poesía como elemento transformador da linguaxe”.
O premio recoñeceu na súa pasada edición a Yolanda Castaño, uníndose a unha ampla lista de galardoadas, entre quen se atopa Miren Agur Meabe, Aurora Luque, Olga Novo, Pillar Pallarés ou Antònia Vicens, entre outras.