. O XXI Simposio da Edición, organizado pola Asociación Galega de Editoras, reuniu este mércores 19 de setembro en Compostela a editoras e librarías galegas xunto con representantes do sector libreiro do País Vasco e Cataluña.
. O sector reclamou diálogo real coa Xunta de Galicia, apoio para as librarías que protexan o libro galego e dar máis visibilidade ás obras editadas no país.
. A AGE demanda superar ese baixísimo 8% de venda do libro galego, que contrasta co recoñecemento que a nosa literatura está a recibir cada ano fóra de Galicia.
. Librarías como Númax en Compostela, Elkar no País Vasco ou Finestres en Barcelona equiparan libro no idioma propio co libro en castelán.
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024.- A Asociación Galega de Editoras organizou onte, no Consello da Cultura Galega, o XXI Simposio da Edición. Nesta ocasión, a xornada levou por título «O libro galego nas librarías», coa vontade de analizar o estado actual da comercialización e visibilidade do libro galego. No encontro interviñeron representantes da Federación de Librarías de Galicia (FLG), das librarías Nobel e Númax, e tamén, dende o País Vasco, do grupo de librarías Elkar e dende Cataluña, das librarías Finestres. Foi inaugurado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, a subdirectora xeral do Libro da Xunta, Cristina Rubal, e o presidente da AGE, Henrique Alvarellos.
SUPERAR UN ÍNFIMO 8% DE MERCADO
O libro galego ten unha cota de mercado do 8%. Fronte ao 17% do libro en éuscaro no País Vasco e o 34% do libro en catalán. Tanto a FDL como a AGE constataron o «fracaso das políticas públicas de apoio ao libro galego», a necesidade de actuar xa dende o eido educativo (onde un decreto chamado de Plurilingüismo, de 2010, diminuíu o ensino da nosa lingua), e de cumprir a Lei do Libro de 2006, que pide que o libro sexa considerado sector estratéxico.
A Federación de Librarías de Galicia (que integra a preto de 150 establecementos) e a AGE (que representa a 46 empresas editoriais), reclamaron un diálogo real coa Xunta de Galicia, que escoite, comprenda e sexa útil ás demandas do sector.
Celia Fernández, a representante da Federación de Librarías que abriu a xornada, aportou un dato optimista: nas Feiras do Libro de Galicia, as obras galegas superaron o 30% das vendas, pois hai unha aposta de moitas das participantes polo libro galego, e unhas bases nas que se pide que un mínimo do 25% do fondo exposto nas feiras sexa na nosa lingua.
A VISIBILIDADE DO LIBRO NAS LIBRARÍAS
A pouca visibilidade do libro galego nas librarías foi un dos temas tratados. Ou se o libro galego debe estar todo xunto nun só apartado ou ben equiparado co libro en castelán. Neste sentido, foi moi útil escoitar a experiencia de Mariña de Toro, da Libraría Númax de Santiago de Compostela, que vende un 50% de libro galego despois de decidir que no seu establecemento non se separan os libros por linguas senón por seccións: «Isto fai un efecto arrastre e tamén un efecto sorpresa, que axuda moito á venda do libro galego».
ESCAPARATES NO PAÍS VASCO CO 50% DE LIBRO EN ÉUSCARO
Gexan Sors, director comercial das librerías Elkar do País Vasco afirmou que as seccións de todas as súas librarías están rotuladas en éuscaro e que o 50% dos escaparates sempre están destinados aos libros editados en lingua vasca, e que mesmo fan descontos especiais ás editoras vascas.
Àurea Juan Perellò, das librarías Finestres de Barcelona, afirmou que nos seus establecementos hai unha vontade de «equiparar o libro catalán ao castelán. Coexisten os dous idiomas”.
Carlos Blanco, xerente das librarías Nobel, constatou un aumento de vendas do libro galego dende que decidiron, hai pouco, organizar o fondo cun sistema mixto: «Temos un apartado para libro galego, pero tamén colocamos o libro galego por xéneros en todas as outras seccións».
Finalmente, editoras e librarías, acordaron sumar forzas conxuntamente, como xa o están a facer noutras accións ao longo do ano, para superar ese reducido e insostible 8% de mercado do libro galego. Unha cifra que contrasta co continuo recoñecemento que a nosa cultura escrita está a recibir fóra de Galicia, con dez Premios Nacionais do Ministerio de Cultura nos últimos cinco anos.
Así mesmo, o sector reclamou apoio para as librarías que aposten por darlle visibilidade ao libro galego.