Santiago de Compostela, 26 de abril de 2025. Os premios Follas Novas do Libro Galego entregaron os seus galardóns anuais coa tradicional gala na que se entragaron tanto os premios por categorías literarias como aqueles que recoñecen a figuras do mundo da literatura, da edición e do sector libreiro. A gala tivo lugar no Teatro Principal de Santiago e, unha vez máis serviu de repaso a toda a produción literaria do ano 2024.
A gala serviu para reivindicar o papel do mundo do libro na historia recente de Galicia, unha historia que, segundo se reivindicou, percorre catro decadas tanto para escritores, editoras e librarías. No transcorrer da festa, presentada por Xosé Barato, tivo un especial protagonismo a situación de Palestina, a través da presencia de Shahd Wadi, do libro que resultou gañador de iniciativa editorial e tamén das intervencións de algúns dos gañadores en distintas categorías. Manuel Bragado, premiado de honra pola AGE fixo un repaso pola situación editorial de Galicia e pediu “un trato digno para o libro galego, como fixo no seu día Agustín Fernández Paz” tamén propuxo o mestre e editor “que todos os sectores e administracións do libro se senten na mesma mesa”.
Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), co apoio do Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.
Discurso institucional
No nome das tras asociacións impulsoras do premios abriu o acto o presidente dos escritores, Cesáreo Sánchez Iglesias, quen sinalou no seu discurso:
“Cumprimos 48 anos a Federación de Librarías de Galicia, 45 anos vimos de cumprir na AELG e 42 a Asociación Galega de Editoras. Isto significa que as tres asociacións levamos máis de catro décadas construíndo estruturas sociais, empresariais e culturais que poidan sustentar o noso sistema literario. Librarías por todos os lugares do noso pais, verdadeiros ágoras onde os nosos libros soñánmundos. E fágoo extensivo a todos os colectivos e persoas que participan no proceso de creación e edición.
A multipremiada literatura galega fora do noso Pais, significa o que conseguimos entre moitas e moitos de nós de xeito colectivo e individual, que vén dado por termos unha nova percepción da cultura, dentro e fora da Galiza. Reivindicamos a nosa cultura en todas e cada unha das súas formas de creación”.
Premios honoríficos
Cada unha das tres asociacións organizadoras entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais, nos que se salienta unha figura das letras, unha editorial ou persoa destacable do mundo editorial e unha libraría. Os galardóns que se entregaron na gala foron para Shahd Wadi, Manuel Bragado e para o fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva.
Premios FLG | Rafael Silva.
En decembro de 1971, tres cregos impulsaron a creación da libraría Follas Novas en Santiago de Compostela, concibida inicialmente como unha libraría especializada en libro universitario. Pouco tempo despois da súa apertura, un dos fundadores, Rafael Silva, deixou a vida eclesiástica para dedicarse de cheo á xestión da libraría e tamén da súa editorial. O proxecto pronto foi máis aló da súa orixe académica, converténdose nun espazo clave para a difusión da cultura galega e nunha libraría que, a día de hoxe, continúa sendo de referencia en todo o país.
Premio AGE | Manuel Bragado
Manuel Bragado (Vigo, 1959) é editor, mestre e activista cultural. Foi director de Edicións Xerais de Galicia entre 1994 e 2018 e actualmente traballa como orientador en centros educativos de Redondela. Presidente da Fundación Luzes e colaborador habitual en Faro de Vigo, mantén dende 1999 a sección «Campo de Granada». Tamén é autor do blog Brétemas, recoñecido con varios premios, e publicou libros como Vigo, puro milagre e Vigo, abella da ribeira.
Premio AELG Escritora Galega Universal | Shahd Wadi
Shahd Wadi (Exipto, 1983) é unha escritora e investigadora palestina que creceu en Xordania e reside en Coimbra, Portugal. Doutorouse en Estudos Feministas na Universidade de Coimbra coa tese Feminismos de corpos ocupados, centrada nas narrativas artísticas das mulleres palestinianas no exilio, que deu lugar ao libro Corpos na trouxa (2017). Reparte o seu tempo entre a escrita, a tradución, a programación cultural e o activismo feminista e palestino. Nomeada Escritora Galega Universal pola AELG, en recoñecemento á calidade da súa obra e ao seu compromiso coa defensa dos dereitos do pobo palestino desde unha perspectiva feminista.
OBRAS PREMIADAS NOS FOLLAS NOVAS 25
PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
Abril é un país. Tereixa Constenla. Editorial Kalandraka.
PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
Rotas (As mulleres que o franquismo agochou en Compostela). Montse Fajardo. Edicións Positivas.
PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
A noite das cebolas. Rosa Aneiros. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA INFANTIL
Como escorrentar un lobo. Antonio Manuel Fraga. Cuarto de Inverno.
PREMIO Á OBRA XUVENIL
Cartas na escuridade. Lois Pérez. Cuarto de Inverno.
PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Papóns. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Presas fáciles. Voitres. Miguelanxo Prado. Retranca Editora.
PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. VV.AA. Tempo Galiza Editora.
PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Os caravanistas, de Elizabeth von Arnim. Celia Recarey. Irmás Cartoné.
PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Os pozos elegantes das clavículas. María Álvarez Landesa. Alvarellos Editora.
PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
Ubasute. Paula Carballeira. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
O libro das abellas. Varias/os autoras/es. Apiario.
PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Culturgal