Os Premios Follas Novas anuncian o seu novo deseño xunto coas 40 obras finalistas na súa edición 2026

Os premios Follas Novas do Libro Galego renovan imaxe e formato de xurado nesta nova edición. Corenta obras son finalistas dos premios, ata o vindeiro 9 de maio no que se darán a coñecer as obras gañadoras en cada unha das categorías. Como ven sendo tradicional, coñeceranse na gala de entrega que terá lugar no Teatro Principal de Santiago. Na rolda de prensa celebrada na Casa de Rosalía participaron Miguel Toval, presidente da AGE, Pepe Barro, deseñador, Patricia Porto, tesoureira da FLG, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, que xunto coa Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e CEDRO respaldan estes premios.

Miguel Toval, presidente da Asociación Galega de Editoras, asegurou que superada a primeira década de existencia dos premios e téndose consolidado como o principal recoñecemento literario no país ‘era lóxico que a imaxe e os procedementos do premio se reafirmasen para mellorar de cara ao futuro’. Toval engadiu que as novidades deste ano ían nesa dirección tanto ‘pola decisión e a escolla de cambiar a imaxe dos premios profundizando na relación con Rosalía de Castro e nos cambios realizados nas votacións e na ampliación do número de xurados’.

Para renovar a identidade gráfica nesta edición, a organización quixo contar co traballo de Pepe Barro, un nome ben coñecido no ámbito do deseño en Galicia por creacións como a camiseta da Selección Galega de Fútbol ou a renovación da Casa de Rosalía de Castro.

O deseñador, Pepe Barro, explicou sobre o novo deseño que toda a imaxe dos Premios Follas Novas está pensada desde a forza do lugar, a Casa de Rosalía, coa forza vexetal e coa forza da terra, mesmo coa propia imaxe de Rosalía de Castro.

Este galardón, que homenaxea a creación literaria en lingua galega, volve destacar o talento e a calidade das obras presentadas nesta edición. Tras un rigoroso proceso de selección, o xurado deu a coñecer os autores e obras que optarán ao recoñecemento nas diferentes categorías.

Nesta edición chegan á final arredor de 40 escritores, tradutores e ilustradores xunto con máis de 20 editoriais. As obras finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso de selección de tres fases, que supón unha lectura e valoración da produción editorial galega. O proceso ten unha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras que selecciona un cento de títulos publicados entre decembro de 2024 e novembro de 2025. Na segunda fase de selección, o xurado, establecido en tres seccións -literaria, deseño e edición- escolleu as obras finalistas por cada categoría.  O proceso terá o seu cumio o sábado, 9 de maio de 2026, coa gala na que se darán a coñecer as obras gañadoras nas trece categorías nas que se organiza este premio.

Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.


 

Peza de Pepe Barro que será entregada aos gañadores dos premios Follas Novas e que contén unha folla do loureiro da casa de Rosalía de Castro.


NOVA PEZA

O deseñador Pepe Barro sinalou na presentación da nova imaxe e peza dos premios Follas Novas que a intención é ‘enraízarnos máis no mundo de Rosalía de Castro que nomea o evento´. Barro repasou todo o proceso desde a imaxe inicial da folla do loureiro, baixo o que lle tomaron a Rosalía a última foto da súa vida, ata a configuración dos avatares en redes e a nova figura que se entregará aos premiados. O punto de partida son as follas de loureiro, que na literatura xa teñen relación cos recoñecementos a escritores e artistas. O logotipo parte da folla máis o perfil dun corazón e o sinal de direción cara adiante que representa a motivación da organización por seguir medrando na difusión e visibilidade do mundo literario.

No que respecta á peza que recibirán os premiados, as follas de loureiro incorporadas están tratadas e secadas cun proceso natural e proceden da árbore situada no xardín da casa de Rosalía de Castro en Padrón. Ademais, o estoxo que protexe a folla foi fabricado cunha pedra provinte da Canteira do Oso.
 
PREMIOS DE HONRA 2026

Na rolda de prensa celebrada na Casa de Rosalía déronse a coñecer, asimesmo, os premiados de honra elexidos por cada unha das asociacións organizadoras:

Federación de Librarías de Galicia: Libraría Moito Conto
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega: Basim Al-Khandaqji
Asociación Galega de Editoras: Editorial Galaxia

Polo seu 75 aniversario, a Editorial Galaxia foi a escollida pola Asociación Galega de Editoras para recibir o premio de honra nesta edición 2026, recoñecendo así a súa aportación clave no desenvolvemento da cultura galega nas últimas décadas.

Patricia Porto, tesoureira da Federación de Librarías de Galicia, explicou que na actualidade, Moito Conto é unha libraría de referencia non só no ámbito galego, senón tamén a nivel estatal, destacando pola súa labor continuada e de calidade na promoción do libro e da lectura. Os premiados volverán ter este ano un protagonismo especial nas Feiras do Libro que organiza a FLG.

O palestino Basim Al-Khandaqji foi escollido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como Escritor Galego Universal 2026 co obxectivo de poñer o foco en voces internacionais que destacan pola súa obra e o seu compromiso coa dignidade humana e nacional.  O autor acadou proxección internacional coa novela ‘Unha máscara da cor do ceo’, galardoada en 2024 co International Prize for Arabic Fiction (IPAF), un premio coñecido popularmente como o 'Booker árabe'.

En relación á presentación da nova imaxe, Cesáreo Sánchez Iglesias destacou que os Premios Follas Novas contan agora cunha imaxe propia cun alto grao de simbolismo rosaliano, o que supón un salto cualitativo na procura dunha maior solidez e profundidade na maneira de representar e proxectar o galardón ante a sociedade.

Así mesmo, subliñou a vontade de consolidar esta identidade co obxectivo de garantir a continuidade e permanencia do premio no futuro.
 

FINALISTAS DOS PREMIOS FOLLAS NOVAS DO LIBRO GALEGO 2026

 

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN                         

Vidas e historias LGBT da Idade Media. Carlos Callón. Edicións Xerais de Galicia

As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936. Carmen V. Valiña. Editorial Galaxia

Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes. Alba Rodríguez Saavedra. Laiovento

 

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN                    

Somos pandeireteiras. VV.AA. Edicións Xerais de Galicia

Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia? Susana Reboreda Morillo (coord.). Editorial Galaxia

Vigo na liña do tempo. Manuel Bragado. Instituto de Estudos Vigueses

 

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA                         

Son como glaciares os barcos de aceiro. Cynthia Menéndez. Editorial Galaxia

Punto de araña. Nerea Pallares. Editorial Galaxia

Sarela. Marga Tojo. Edicións Positivas

                             

PREMIO Á OBRA INFANTIL                     

Queco e Kika. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia

Pernascochas. Ramón D. Veiga e Blanca Millán. Antela Editorial

O Peculiar. Érica Esmorís. Cuarto de inverno

                             

PREMIO Á OBRA XUVENIL                      

Bruxas e dragóns. Ledicia Costas e Luismi Pérez. Triqueta Verde

O enigma de Sempreviva. Andrea Maceiras. Edicións Xerais de Galicia

Unha historia de amor coma outra calquera. Rosa Aneiros. Editorial Galaxia

 

 

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO

Filla das ondas. Fina Casalderrey e Xosé Cobas. Kalandraka

A panadería. Lucía Belarte e David Lorenzo. Kalandraka

Alicia e a mestra de Oza. Iván R. e Paula Carballeira. Edicións Xerais de Galicia

 

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR

A miña outra vida. Miguel Rojo. Retranca Editora

Adelina. Sandra Lodi. Editorial Galaxia

Rosalía Oculta. Paula Mayor. Editorial Galaxia

 

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA             

XVIII Premios Compostela de álbum ilustrado. VV.AA. Kalandraka

Diarios. Syra Alonso. Alvarellos Editora

Guía ilustrada do Entroido Galego. Alba de Evan, Xabier Domínguez e Iria Prol. Edicións Xerais de Galicia

 

 

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA                

Cos sinais da auga, de Lourdes Álvarez. Xavier R. Baixeras.  Kalandraka

A máis recóndita memoria dos homes, de Mohamed Mbougar Sarr. María Alonso Seisdedos. Aira Editorial

O pequeno león, texto de Jacques Prevert e fotografía de Ylla. Tamara Andrés. Kalandraka

                        

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA              

Insomnia. Luís Valle. Edicións Malafera

Mapa da estría. Andrea Nunes Brións. Chan da Pólvora

Arte menor. Susana Sanches Arins. aCentral Folque

                             

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO                            

O proceso. Apaga o candil. Cándido Pazó. Editorial Galaxia

As fillas bravas de Momán. Chévere teatro. Kalandraka

Manchea. Andrea Freire. Baía Edicións e Xunta de Galicia 

 

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO               

Drácula. Bram Stoker. Aira Editorial

Autobiografía do vermello. Unha novela en verso. Anne Carson. Chan da Pólvora

A caligrafía das espigas. Carlos Negro. Apiario        

                             

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA                  

Libraría Cartabón                        

SELIC Semana do Libro de Compostela                         

Club de lectura feminista A Lila + A Sega                                        

Premio Follas Novas