Pakolas resulta gañador do XIV Premio Rosalía de Castro da lingua pola Deputación da Coruña

‘Pakolas. Rock infantil e familiar en galego’ na categoría iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade; o Museo do Pobo Galego e Orgullo Galego, exaequo na categoría de entidades; e o técnico de normalización lingüística Daniel Romero na categoría de persoas, son as catro propostas gañadoras dos XIV Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. Trátase do certame que, cada ano, recoñece e premia o labor de promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no de todo o país.

O xurado escolleu a proposta ‘Pakolas. Rock infantil e familiar en galego’ por considerar que «utiliza unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua». O informe do xurado tamén indica que «non só utiliza a súa enerxía e entusiasmo sobre o escenario, senón que fai uso doutras vías para divulgar e promocionar a cultura». ‘Pakolas’ é o músico e narrador Paco Cerdeira en formato solitario, cun espectáculo co que percorre bibliotecas, centros de lectura, feiras do libro, e outros espazos como teatros, auditorios, ou centros sociais.