A escritora fenesa Paula Carballeira Cabana vén de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática de 2023, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, pola súa obra As alumnas (Galaxia), a proposta do xurado reunido esta sexta feira. O premio está dotado con 30.000 euros.
O xurado destacou a obra da autora galega "por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate", así como "polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía a II República".
Aliás, o xurado quixo poñer en valor como "a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada".