Sara Vila gaña o Premio Blanco Amor

A escritora e xornalista Sara Vila (As Neves, 1989) é a gañadora do XLII Premio Blanco Amor, segundo se deu a coñecer este sábado, 25 de novembro, en Ourense. Recibe o galardón pola novela O incendio.

O xurado destaca o "tratamento desprexuizado" do acoso escolar e sexual, así como das relacións familiares a través da protagonista da obra: unha muller que relata a súa adolescencia. A acta sinala que Vila emprega no seu traballo unha voz "poderosa e crúa" para achegarse a un "universo adolescente e rural que foxe da mitificación a través de personaxes ben construídos, realistas e coherentes".