Luísa Villalta, Letras Galegas 2024

O Pleno da Real Academia Galega (RAG) acordou a semana pasada, na xuntanza ordinaria decorrida no pazo de María Pita, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento. "Creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90, o seu 17 de maio será unha ocasión excepcional para reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi", detallou a Academia. 

Á derradeira fase da elección chegaron tres candidaturas: a de Villalta, a do poeta Antón Tovar e a da música popular, que se formalizou nas figuras das cantareiras Adolfina Casás, Rosa Casás e Florencio López. 

A candidatura de Villalta foi respaldada por Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Euloxio Rodríguez Ruibal, María Dolores Sánchez Palomino, Manuel González González e Ana Romaní. A elección parece inclinar as preferencias da Academia por un ano enfocado nas persoas máis novas, a semellanza dos Días das Letras dedicados a Lois Pereiro en 2011 e a Xela Arias en 2021.