Montse Pena Presa, Bieto Silva e Diego Rodríguez, novos membros correspondentes da Real Academia Galega

Na sesión plenaria ordinaria da Real Academia Galega celebrada a semana pasada tamén foron elixidos membros correspondentes da institución Bieito Silva, experto de referencia na planificación lingüística escolar e sobre a situación da lingua galega no sistema educativo; Montse Pena Presas, especialista en literatura infantil e xuvenil  contemporánea; e Diego Rodríguez, responsable das áreas de patrimonio e cultura da Fundación Barrié.

Bieito Silva Valdivia (Bubaces, Lobios, 1951) é especialista en didáctica da lingua galega, en formación do profesorado e en planificación lingüística escolar. Doutor en Filosofía e Letras cunha tese sobre as interferencias lingüísticas entre o galego e o castelán no alumnado de secundaria, foi catedrático de secundaria e profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela, á que se incorporou en 2010 como titular de Didáctica da Lingua e da Literatura e mais das Ciencias Sociais na Facultade de Ciencias da Educación. Foi coordinador do Instituto de Ciencias da Educación da USC (1987-2010) e do mestrado de profesorado de secundaria da mesma institución (2011-2014), e tamén exerceu como vicedecano da súa facultade, entre outros cargos.

Colaborador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega dende hai anos, dirixiu e participou en numerosos proxectos sobre a problemática do ensino en galego e do galego no ensino, entre eles A situación do ensino da lingua galega na Educación Secundaria Obrigatoria (2005 e 2006-2008), Avaliación de xeito comparado da competencia do alumnado de 4º da ESO nos idiomas galego e castelán (2010), Protocolo para a avaliación externa e global da competencia do alumnado galego de 6º de Primaria e de 4º da ESO nas dúas linguas oficiais de Galicia (2011) e Avaliación de competencias lingüísticas en galego e castelán ao final do ensino obrigatorio (2020). 

Montse Pena Presas (Sada, 1981) é profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da USC, onde se doutorou en Filoloxía cunha tese sobre feminismo, xénero e coeducación na literatura infantil e xuvenil (LIX). A LIX actual, a educación literaria e aos estudos de xénero seguen a ser tres eixes centrais do seu labor académico e divulgativo, con títulos como Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño (Galaxia, 2013), Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia (Laiovento, 2018), baseado na súa tese, a biografía sobre María Victoria Moreno A voz insurrecta (Galaxia, 2018) e a dedicada a Xela Arias, Intempestiva (Galaxia, 2021), o estudo introdutorio d’As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares para o Consello da Cultura Galega (2017) ou, en colaboración con María Caamaño, Ax(e)itar a lingua. Orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino (AS-PG, 2022).

Publicou máis de medio cento de artigos científicos e capítulos de libros sobre diversos aspectos da historia da literatura galega e sobre a obra de autores e autoras como Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Manuel María, Carlos Casares ou Xohana Torres, e mais contribucións sobre a educación literaria nas que analizou aspectos implicados no desafío de gañar público lector.

Como crítica literaria, colaborou en medios como Faro da Cultura, a revista Grial, Nós Diario, Sermos Galiza e o Diario Cultural da Radio Galega. En 2022 comisariou a exposición Unha árbore de historias: cen anos de literatura infantil galega da Biblioteca de Galicia.

Diego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1972) licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela nas especialidades de Historia Contemporánea e Biblioteconomía e Arquivística e dende ano 2004 está vinculado á Fundación Barrié, institución na que é responsable de Patrimonio e Cultura.

Como arquiveiro e bibliotecario da Barrié impulsou accións de divulgación do patrimonio bibliográfico galego e promoveu, en colaboración coa Real Academia Galega, a edición das obras de Manuel Antonio e a exposición A Galicia do Galicia, iniciativas estas últimas realizadas e dirixidas polo académico Xosé Luís Axeitos. A súa colaboración coa RAG atinxe tamén a renovación tecnolóxica do Dicionario, a creación do Portal das Palabras -a páxina web da Academia e a Barrié para a divulgación do léxico- e mais o deseño e a posta en marcha da aplicación de xogos Ximnasio Léxico, baseada na base de datos do Dicionario e presentada ao público este mesmo mes de xuño.

Foi ademais comisario da exposición A lección dun cidadán libre (2014), dedicada a Víctor Said Armesto no centenario do primeiro catedrático en España de literatura galego-portuguesa. O estudo do seu fondo permitiulle analizar polo miúdo manuscritos de Manuel Murguía e realizar achegas publicadas na revista Follas Novas da Fundación Rosalía de Castro. Este traballo garda relación co seu interese pola investigación arredor da letra manuscrita dende o punto de vista da transcrición e da identificación caligráfica, campo no que puido identificar novas mostras rosalianas e desbotar outros textos autógrafos atribuídos erroneamente á poeta fundacional das letras galegas. Actualmente traballa con este mesmo método na recuperación das Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía.