Case o 60% dos lectores compran en librarías físicas

O informe do Gremio de Editores de España, que analiza os hábitos lectores do público, lanza luz sobre o colectivo: máis da metade dos lectores mergúllanse nas páxinas dos seus libros a diario, e case o 70% dos que gozan da lectura fano como un hábito de lecer. 

 

A Federación de Librarías de Galicia cre que a clave de que as librarías manteñan o seu liderado fronte á venda en liña ou as grandes superficies céntrase na profesionalización e o coidado da experiencia ao cliente.

Nin internet nin as grandes superficies conseguiron desbancalas: as librerías continúan sendo a fonte principal á que acoden os sedientes lectores cando buscan unha nova aventura na que mergullarse. 

Segundo os datos do informe do Gremio de Editores de España, que analiza os hábitos dos lectores en 2022, máis do 60% dos lectores elixen as librerías ou as feiras de libro para abastecerse, por encima de grandes superficies ou de tendas en liña, e o 96% dos amantes da literatura seguen preferindo o libro físico fronte ao libro dixital ou o audiolibro. 

Para a Federación de Librarías de Galicia, estes datos son o fiel reflexo dunha realidade: a lectura é, para a maioría dos lectores, algo máis que un hobby. “Quen goza da lectura enfócaa como toda unha experiencia”, expón Ramón Domínguez López, Presidente da Federación de Librarías de Galicia, “por iso o libro en papel segue sendo o gran triunfador, e por iso os lectores seguen elixindo as librerías e as feiras do libro para escoller as súas lecturas, porque buscan unha experiencia completa, buscan gozar da elección, da recomendación e do paseo entre os andeis tanto como da lectura en se”. 

O certo é que a teoría ten datos que a avalan. Segundo o informe, case o 65% dos lectores confesan que a lectura é lecer, diversión e esparexemento para eles, e case o 70% considérao unha actividade de goce no seu tempo libre. 

“Si, os libros poden ser fonte de información e de formación, todos eles, pero a realidade é que quen se considera lectores o son por puro desfrute, e cando gozas de algo queres vivilo como unha actividade completa. Se che gusta cociñar, non compras pratos precociñados para lles engadir dous ingredientes, créalos de cero. Se gozas de ler, gozas da experiencia completa”, explica Ramón Domínguez López. 

O informe lanza ademais un dato importante e positivo con respecto aos lectores galegos: a comunidade, que se atopa nos postos medios da clasificación das máis lectores de España, aumentou o índice de lectores habituais -aqueles que o fan diariamente ou varias veces por semana-: de 55,5% ao case 62% en só un ano, por encima da media española, que se fixa nun 52%. 

A Federación de Librarías de Galicia é unha institución constituída sen fins de lucro, integrada actualmente  por 141 librerías de toda Galicia, que leva 45 anos traballando pola defensa dos intereses comúns do sector, e fomentando o crecemento dos lectores con diversas campañas.

VER INFORME AQUÍ

Hábitos de lectura