OS LIBROS QUE SOMOS

«Os libros que somos»: un libro en galego para cada persoa este Nadal


A Federación de Librarías de Galicia, a Asociación Galega de Editoras e a Fundación Xistral, a través da plataforma M8 por Ler, poñen en marcha a campaña «Os libros que somos», unha iniciativa que busca fomentar a compra e o agasallo de libros en galego durante o Nadal, reivindicando ao mesmo tempo o papel fundamental das librarías e das persoas que traballan nelas.

A campaña, que se desenvolverá do 20 de novembro ao 6 de xaneiro, parte dunha idea clara: existe un libro en galego para cada persoa, idade e interese. Para transmitila, presenta cinco personaxes —Lixi, Gali, Besti, Queeri e Festi— que representan diferentes perfís lectores e amosan a diversidade da literatura galega actual, desde os contos infantís e os clásicos ata a poesía, a narrativa contemporánea, as traducións e a cultura popular.

As librarías, protagonistas da recomendación

Un dos principais obxectivos da iniciativa é destacar o valor das librarías como espazos de encontro coa lectura e como lugares onde atopar o agasallo perfecto grazas ao coñecemento e á experiencia das libreiras e dos libreiros.

Fronte ás recomendacións automatizadas e aos algoritmos, a campaña reivindica a atención personalizada, a escoita e o criterio profesional de quen coñece os libros e sabe orientar cada persoa segundo os seus gustos, idade e intereses.

As librarías convértense así en protagonistas da campaña, achegando as súas propias recomendacións e compartindo nas redes sociais aqueles títulos que consideran especialmente interesantes para regalar estas festas.

Apoiar os libros en galego é apoiar a cultura e o comercio de proximidade

«Os libros que somos» quere tamén visibilizar a riqueza do sector editorial galego e animar a descubrir a variedade de títulos dispoñibles na nosa lingua. Unha oportunidade para apoiar as editoriais, as librarías e toda a cadea do libro, contribuíndo á creación cultural e á vitalidade do galego.

Este Nadal, a proposta é achegarse á libraría de confianza, deixarse asesorar polas profesionais do libro e descubrir que hai unha lectura en galego para cada persoa.

Porque regalar un libro en galego é tamén apostar polas nosas librarías, pola nosa cultura e pola nosa lingua.